II República
Logo da marcha de Alfonso XIII formouse un goberno provisional presidido por Niceto Alcalá Zamora e formado por republicanos de todas as tendencias e por socialistas. Nese mesmo día 14, este goberno decretou a amnistía xeral e fixo unha declaración de intencións na que proclamou a liberdade pública e sindical, así como a esixencia de responsabilidades ao Réxime caído sometendo as súas decisións á sanción das futuras Cortes Constituíntes.
Unha vez constituído, o goberno provisional tivo que facer fronte ao problema de satisfacer as demandas políticas dos cataláns. En Barcelona, o día 14 pola mañá foi proclamada a República dende o Concello por Lluis Companys e, un pouco máis tarde, Francesc Maciá, líder de Esquerra Republicana de Catalunya, a forza máis votada da cidade, proclamou dende a Deputación o Estado Catalán baixo a forma dunha República Catalá convidando aos demais pobos de España a unirse na formación dunha Federación Ibérica.
Os acordos entre o Goberno Provisional e Maciá remataron co acordo de renuncia á República Catalá a cambio do recoñecemento da existencia dun goberno Catalán, a Generalitat, e o compromiso de que as Cortes Constituíntes Españolas estudarían a aprobación dun Estatuto de Autogoberno para Cataluña previamente plebiscitado polo pobo catalán.
A II República nacía, pois, recoñecendo a posibilidade de autonomía política dos cataláns e doutras Rexións, pero todo parecía indicar que a madurez do pobo e da súa clase dirixente era máis que suficiente.

Ningún comentario:
Publicar un comentario